OS HEMORROIDES

 

Lume sen fume pode haber; pero fume sen lume non pode ser….

Nesta sociedade occidental na que vivimos, non é difícil pensar que os hábitos de vida que levamos (os distintos tipos de contaminación, o estrés, o sedentarismo, a mala alimentación...) e a pouca preocupación que lle dedicamos á nosa saúde e benestar, son a orixe do 99% das nosas enfermidades. Por iso insistimos na prevención... 

Sobre o noso tema de hoxe, as estatísticas e os datos (algo que nos encanta pois é o único xeito de darlle importancia e sentido os temas de saúde) dinnos que o 100% da poboación ten hemorroides, aínda que só a metade as sofre e padece. Este problema escatolóxicamente tabú, sófreo a metade da poboación maior de 30 anos nalgún momento da súa vida, e a outra metade tenas dende o momento do nacemento, posiblemente sen sabelo.

 

Cando o lume, a dor, a comechón e o sangrado se unen...

As hemorroides, (do mesmo xeito que as frieiras), son desarranxos circulatorios que se manifestan como unha perda de sangue a través do recto, acompañada a miúdo de comechón, proído, irritación… e en casos máis graves de dor intensa que imposibilita a realización das actividades máis cotiás na nosa vida diaria. Este desarranxo normalmente está asociado ao estrinximento crónico aínda que tamén existen factores emocionais que poden desencadealo. 

Biolóxicamente e en unión cos esfínteres do ano, as hemorroides pechan a saída externa do intestino. As hemorroides axudan ao esfínter a permanecer pechado, formando unha especie de válvula, mesmo cos aumentos de presión, como por exemplo, ao espirrar ou rir. Xeralmente engrosan a mucosa en tres "nós" que se encontran na entrada dos vasos aos corpos cavernosos. A mucosa intestinal está cruzada por unha espesa rede de vasos sanguíneos. Ao endurecerse e estancarse as masas fecais no recto, a paredes venosas vense comprimidas e o fluxo de sangue nesta zona de vasos sanguíneos se interrompe, aparecendo consecuentemente os seguintes síntomas habituais:

Sangrado: prodúcese xeralmente ao defecar. Normalmente é escaso e detéctase por rastros de sangue na cunca ou manchas no papel hixiénico.

Prolapso : trátase dun vulto que aparece cando as hemorroides saen dende o interior do ano e resulta difícil introducilas de novo.

Secreción: a secreción de moco procedente da propia mucosa anal é típica de hemorroides internas. Pode causar irritación da pel e provocar prurito (comechón) ou sensación de ardentía, especialmente durante a defecación.

Dor: as hemorroides internas non adoitan doer, ao contrario das externas, que son particularmente molestas cando saen fóra do ano pola presión do anel anal.

 

Tipos de hemorroides

 

Distínguense tres tipos de hemorroides atendendo á súa situación respecto ao conduto anal:

Hemorroides Internas: se as veas afectadas se localizan na zona baixa do recto, por enriba do ano, e están cubertas por mucosa. Estas á súa vez clasifícanse en catro graos:

        1º grao, a hemorroide localízase no tecido submucoso sobre a liña dentada. Pode defecar sangue vermello vivo.

 

        2º grao, sobresaen ao defecar pero reintrodúcense espontaneamente,co cesamento do esforzo.

 

        3º grao, saen ao defecar e o paciente debe reintroducilas manualmente.

 

        4º grao, as hemorroides son irredutibles e están sempre prolapsar.

Hemorroides Externas: cando están situadas debaixo da unión do ano co recto.

Hemorroides Mixtas: se afectan aos dous tipos de veas.

 

Factores de risco

A aparición das hemorroides pode verse incrementada en maior medida cando hai descontrois no aparato dixestivo, tales como estrinximento (por compresión das veas hemorroidais) e diarreas (por irritación na zona rectal) frecuentes. 

Así mesmo existen outros factores de aparición como son o peso corporal (individuos con obesidade teñen máis probabilidade de sufrilas debido ao aumento da presión abdominal sobre o piso pélvico), o sexo (este mal é máis común entre as mulleres), o uso de laxantes (usados de xeito habitual, laxantes como o sen , a casca sagrada, a frángula ou o ruibarbo irritan a mucosa intestinal), factores ocupacionais (individuos que permanecen moitas horas traballando de pé ou sentados, teñen máis risco de padecelas), problemas de saúde engadidos (individuos que padecen problemas circulatorios ou hipertensión son máis vulnerables), malos hábitos (individuos que consumen demasiado alcohol e fumadores son máis propensos a padecelas) e o embarazo ( sobre todo nas últimas semanas por presión do bebé no ventre, e máis concretamente na zona intestinal).

Aínda que o máis importante é a prevención, unha persoa que padeza asiduamente de hemorroides pode facer moito para tratalas e eliminalas. Abonda con pararse uns minutos en ler os parágrafos seguintes, reflexionar, cambiar algúns hábitos de vida e se as estás a padecer agora mesmo, aplicar os remedios caseiros que che propoño seguidamente. Confío en que esteas preparad@…

 

Buscando a orixe emocional

Somos enerxía e cando esa forza non flúe como tería que fluír, aparecen as enfermidades. Sei un pouco observador e mira que acontece no momento que afloran as hemorroides e indaga nas emocións que sentes ou sentiches. 

As hemorroides adóitanse manifestar en persoas inseguras na vida ou que desconfían do futuro, con pouca fe nas súas capacidades, que teñen medo a perder ou a non ter abondo, e como consecuencia, xeran a tendencia a "reter as cousas" pois queren asegurar ao máximo, polo que poida acontecer. 

As hemorroides tamén adoitan indicar unha tensión e un desexo interior de forzar a eliminación (coma se intentases facer saír algo con moita forza) ao mesmo tempo que a acción de reter se manifesta. O conflito emocional entre empurrar e reter crea un desequilibrio que está relacionado co estrés se hai dor ou cunha perda de alegría cando hai hemorraxia. 

Acaso sentes un sentimento intenso de culpabilidade? Seguramente vives con estrés, sobrecarga de presión, quizais teñas prazos que respectar ou moita dificultade para delegar. Sénteste obrigado a facer algo do que non podes librarte, aceptar unha situación que te desagrada, esforzarte en realizar un traballo que non che gusta,… cando o que realmente queres, é falar e expresar as túas necesidades. Ademais, levas este peso só por orgullo, e non te permites pedir axuda a ninguén. 

Estás sometido a unha gran presión, a un exceso de compromisos aos que non sabes "negarte e te sentes tan sobrecargado que xa non o podes soportar? Esíxeste demasiado e obrígaste a rematar o que fas, a causa dunha inseguridade material e unha dificultade para tomar decisións e consecuentemente podes "explotar" en calquera momento... 

Ou será esa vella tensión que vives fronte a unha persoa ou unha situación e que non sabes expresar ou prefires gardar para ti? Pode que vivas un sentimento de submisión con relación a unha persoa ou a unha situación en que te sentes diminuído, coma se foses unha "nulidade". 

En calquera destas situacións, o corpo avisa con este sinal. Algo na túa vida necesita SER "ACLARADO”. 

Nas embarazadas… Cal vai ser o meu sitio agora que vén o meu fillo/a ao mundo? Cal vai ser a miña identidade? Seguirei sendo a esposa do meu marido ou a nai do meu fillo?. A nai necesita adaptar a súa vida a esa nova situación e o estrés maniféstase deste modo nalgúns casos. Outro resentir pode ser: "dou un lugar a esta nova identidade". 

Estas son unhas "pequenas pistas" do que pode estar a acontecerche. Cando aches a causa emocional da túa doenza, toma conciencia e acepta que esta situación é temporal e que podes encontrar a axuda para eliminar ese problema. Un método que che pode axudar a liberar esas emocións é o EFT.

 

Pautas de prevención

Dieta: É unha das claves máis importantes para a prevención da aparición das hemorroides, pois hai moitos alimentos que só causan toxinas e estresan o intestino, ademais de endurecer as feces e facer máis difícil a evacuación. Debemos eliminar custe o que custe o leite de vaca, os azucres refinados, as fariñas refinadas, os embutidos, os queixos salgados, o arroz refinado, os zumes envasados ou azucrados e o alcohol. Substituirémolos doadamente por leites vexetais, mel, estevia ou xarope, pans integrais, arroz integral,… 

Incorpora ademais na dieta, fibra en forma de vexetais e froitas (papaia, mango, plátano, ameixas, cenorias, lino,…), alimentos fluidificantes do sangue (allos, cebollas,…), arandos, grosellas e uvas (en todas as súas variedades - froito fresco, infusión ou suplemento- xa que é rico en antocianósidos, un principio activo que permite recuperar a correcta elasticidade e permeabilidade dos vasos sanguíneos) e moita auga para hidratarnos e manter mobilizado o intestino.

 

Exercicio: Evitar custe o que custe o sedentarismo. Non permanecer longas horas sentado nin longas horas de pe. É recomendable e saudable o camiñar unha media hora todos os días, pois axuda na recuperación do parto, a mobilizar intestinos e a mellorar a circulación xeral.

 

Remedios naturais de aplicación tópica

Aceite macerado con caléndula e macela.
A caléndula ou marabilla ten unhas interesantes propiedades antisépticas, cicatrizantes e antiinflamatorias que alivian a dor e a inflamación e axudan na rexeneración do tecido danado.

Ingredientes:

            Aceite de améndoa

 

            Flores secas de caléndula

 

            Flores de macela

Elaboración e aplicación

Nun recipiente de vidro metemos as flores secas de caléndula e macela a partes iguais e sen apertalas ata que enchamos o recipiente. Vertemos entón o aceite de améndoas ata encher o bote e deixar cubertas as flores. Deixamos macerar este aceite durante 30 días nun sitio seco e escuro. 

Transcorrido ese tempo, filtramos e gardamos o aceite nun envase opaco. Utilizaremos empapando un algodón nese macerado e aplicándoo directamente sobre a zona afectada cantas veces sexa necesario e ata que as hemorroides desinflamen e deixen de molestar.

 

Pomada de espinacas

      Este antigo remedio é moi apropiado para baixar o inchazo das hemorroides, posto que o efecto das espinacas sobre as hemorroides é desconxestiva e relaxante.

 

Ingredientes:

            Tres follas de espinacas frescas

 

            Unha cullerada sopeira de aceite de oliva

Elaboración e aplicación

Picar as espinacas en anaquiños o máis pequeno posible e mesturar co aceite ata obter unha pasta homoxénea. Remover ben. Coller coa punta do dedo unha pequena cantidade de pasta e introducila no esfínter anal. O resto, empápase sobre unha gasa que se manterá en contacto co ano suxeitándoo cun esparadrapo ou coa roupa interior. O mellor é poñelo polas noites ao deitarse para que este emplasto se manteña o maior tempo posible. Aplicar tantas noites como sexa necesario ata que as hemorroides desinflamen e deixen de molestar.

 

Prácticas paralelas aos remedios naturais

Con estas medidas, a dor e o inchazo diminuirán no prazo de dous a sete días e o vulto duro debería remitir entre catro e seis semanas. Para iso tomaremos boa nota do seguinte:

          Manter unha boa hixiene anal e evitar rozar ou fregar as hemorroides. Con iso evitaremos mancalas, que sangren e previr infeccións.



          Evitar esforzos ao defecar e reducir na medida do posible o tempo de defecación (procurar non estar sentado no inodoro máis de 5 minutos).



          Evitar o uso do papel hixiénico para limpar. Para iso é mellor lavar o ano con auga fría ou morna e secar suavemente con papel hixiénico ou unha toalla. Pódese aplicar así mesmo un pouco de vinagre de mazá cun algodón cada vez que fagamos esta limpeza.



          Realizar baños de asento duns 10-15 minutos, dous ou tres veces ao día. Utilizaremos auga morna e nunca agregaremos xabón, xel ou outros produtos á auga. Tamén podes probar cun baño de asento con infusión de macela. Este prepárase vertendo un puño de flores de macela en tres litros de auga fervendo. Esta infusión déixase repousar uns 10 minutos e despois de filtrada se mestura con auga morna que usaremos no bidé.



        Aplicar xeo durante 10-15 minutos, dous ou tres veces ao día. Con iso conseguiremos diminuír a cantidade de sangue na área, diminuíndo consecuentemente o tamaño das hemorroides. Nunca aplicar directamente o xeo sobre a zona afectada, senón cuberto dunha tea.