COIDADOS DOS OLLOS

Os ollos son o punto onde se mesturan alma e corpo…. (Fiedrich Hebbel)

 

Como di o proverbio, os ollos son as ventás que separan o noso medio interno dun mundo exterior cheo de sensacións, movemento, cores, formas, luces,… 

A nosa dependencia deste sentido na sociedade actual e o emprego que lle damos no traballo intelectual é tan grande que cada vez nos topamos máis persoas usuarias de lentes correctoras para distintas disfuncións (miopías, hipermetropías, vista cansa,…). Os nosos hábitos e unha nutrición incorrecta son outros factores que contribúen en gran medida a agudizar as doenzas oculares. 

Dende esta sección, vos quero transmitir unha pouca información que vos poida axudar no coidado preventivo destes "miragres" da Natureza, así que ide apuntando…. 

Está claro que canto máis natural e desafogado sexa o noso estilo de vida, menos se resentirán os nosos ollos polo que hai un reto para nós que consiste en renunciar durante catro semanas á luz eléctrica ou calquer tipo de luz artificial. ¿Cómo se fai? Pois seguindo os ciclos naturais noite-día e distribuíndo as tarefas adecuadamente durante o día para que cando veña a noite non se caia na tentación de acender o interruptor. Sinxelo. 

Os vosos ollos doloridos, fatigados, ardentes,… encontrarán alivio e se farán máis fortes e sans e ademáis ó voso corpo non lle costará rendir durante o día nin se sentirá canso e con mal humor cando vos levantedes coa luz do nacente. Para os que xa vos picou a curiosidade recoméndovos que comezedes na época de primaveira ou verán e os que pensedes que esto é unha tolería, aquí vos van unhas receitas con plantas que de seguro vos axudarán cos vosos problemas.

 

RECEITA DE COCCIÓN DE SEMENTES DE FIÚNCHO

Este remedio é de grande utilidade para facer lavados oculares e combatir os tan molestos puntos negros ou moscas nos ollos. 

Ingredientes 
          1 culleradiña de sementes de fiúncho 
          1 vaso de auga 

Preparación 
Cocer durante tres minutos as sementes na auga. Deixar repousar durante dez minutos. Colar e encher medio vasiño estreito. 

Aplicación 
Facer lavados oculares tres veces ó día. Aplicar unhas gotiñas dentro do ollo ó despertar e antes de deitarse.

 

RECEITA DE INFUSIÓN DE MACELA

Cando sentimos ardor nos ollos ou os temos vermellos e cansos, esta infusión tan coñecida polas nosas avoas, é magnífica e sinxela de facer e aplicar.


Ingredientes 
          1 culleradiña de flores de macela 
          1 vaso de auga 

Preparación 
Ferver a auga ata que aparezan as primeiras burbullas. Apagar o lume e incorporar as flores de macela na auga. Deixar repousar durante dez minutos e colar. 

Aplicación 
Empapar unha gasa, algodón ou similar coa infusión morna e colocala sobre as pálpebras e deixar actúar durante 15-20 minutos.


ANTIFACE DE LAVANDA

Para os ollos que están cargados tras horas de forzar a vista, esta receita é enormemente relaxante.


Ingredientes 
          1 antiface de algodón en forma de saquiño
          Sementes de liño 
          Flores de lavanda 

Preparación 
Encher a tela de algodón coas sementes de liño e a lavanda. 

Aplicación 
Sentado ou deitado, poñerse o antiface e permanecer así durante 10 ou 15 minutos. 

Na nosa man e con este consellos está, que evitemos asociar ó home da civilización moderna cunha persoa con lentes……