AS FRIEIRAS

 No mes de xaneiro cos pés no braseiro….


Temos o mal costume de non escoitar o noso corpo... 

O que a maioría das veces, se presenta como un sinal de aviso, (en forma de repeticións de disfuncións), imos nós e facemos caso omiso deses toques de atención. 

Non existe interese pola nosa parte en buscar a causa, ben sexa porque non temos os coñecementos ou ferramentas abondo para buscala, ou porque é máis cómodo poñernos en mans dos "profesionais que velan pola nosa saúde" e deixarnos arrastrar por tratamentos milagres que nos acalan por unha tempada esa chamada. De aquí a importancia da prevención, idea que queremos que vos quede grabada dende o conxunto deste proxecto. 

No tema de hoxe imos falar dun denominado mal menor que nos acompaña todos os invernos. Seguro que coñecedes a alguén que padeceu ou padece desta molestas "compañeiras" invernais… ou mesmo cada un de vós o está padecendo neste intre….

As frieiras

As frieiras preséntanse como partes da pel que adquiren unha coloración vermello-azulada e que causan dor e comechón en cada movemento da zona afectada.



Síntomas

Os síntomas comúns da frieira son os arrubiamentos, inchazos, e sensacións de ardor ( en casos máis graves lesións e aparición de ampolas) nas partes distais do corpo, localizándose sobre todo nas mans e pés e nas orellas (e algunhas veces no nariz).



Causas

A causa principal é a acción do frío intenso sobre os pequenos vasos sanguíneos destas partes distais do corpo, o que fai que éste reaccione dunha maneira anormal. Un claro exemplo dunha acción que pode desencadear isto é cando quentamos as mans (despois de estar expostas ó frío) directamente sobre unha fonte de calor. O quentamento rápido da pel provoca que os pequenos vasos sanguíneos que se topan baixo dela, se expandan. Como consecuencia disto, se produce unha infiltración de sangue cara os tecidos dos arredores provocando unha inflamación dolorosa da zoa.



Factores de risco

Tal e como adiantamos anteriormente a aparición das frieiras pode verse incrementada en maior medida cando a pel queda exposta a temperaturas frías e se quenta baixo fontes de calor. 

Existen outros factores de aparición como o peso corporal (individuos con baixo peso teñen máis probabilidade de sufrilas), o sexo (este mal é máis común entre as mulleres), a climatoloxía (son máis común en rexións frías e húmidas), as tempadas (normalmente máis común entre novembro e abril), problemas de saúde engadidos (individuos que padecen problemas circulatorios ou diabete son máis vulnerables), malos hábitos (individuos que consumen demasiado alcohol e fumadores son máis propensos a padecelas) ou outros coma a fame, deshidratación e fatiga tamén poden afectar de xeito adverso á capacidade do corpo de soportar os climas fríos.



Prevención deste mal invernal

Está claro que se nos preocuparamos de poñer atención a coidar o noso sistema vascular, especialmente o venoso e de eliminar algún factor de risco mencionado, teriamos nulas probabilidades de desenvolvelas. 

Hai unha práctica que se pode facer ó longo do ano sen esperar a que chegue o inverno e que axuda a fortalecer e tonificar o sistema vascular e axudar a previr os pés fríos. Trátase de baños alternos fríos e quentes. 

Para elo, primeiramente, sometemos os pés a un baño quente para cambiar logo a outro frío. Na auga fría se permanece soamente tantos segundos, como minutos na auga quente. Se estás dous ou tres minutos en auga quente, entón estarás dous ou tres segundos en auga fría. Isto pódese repetir de seis a oito veces. 

O baño de pés remata na auga fría. Logo fréganse enérxicamente os pés e úntanse cun pouco de aceite de sésamo, mostaza... e cóbrense cuns calcetíns.



Tratamento na súa aparición

As frieiras soen desaparecen tras un par de semanas de tratamento. Non obstante, poden reaparecer durante anos especialmente cando fai tempo moi frío e sobre todo se non eliminamos a súa orixe. 

O tratamento natural para as frieiras implica principalmente o uso de aplicacións tópicas nas zonas afectadas. 


Receita con Ouriños

Si, si, non toleei!....ese refugallo do que tanto nos custa falar e que tanto nos repulsa é un elemento curativo utilizado dende sempre. Os ouriños conteñen moitos minerais, urea (que participa na hidratación das capas da pel) e outras substancias moi útiles para combater diversas afeccións, en especial todas aquelas de tratamento local como as frieiras.

Aplicación 

Dúas maneiras de usalos:

1.-Utilizar os primeiros ouriños da mañá (máis concentrada en urea) para lavar a zona afectada, deixar secar e logo lavar con xabón. Aplicar un aceite ou crema hidratante. 

2.- Antes de deitarse, aplicar compresas empapadas con ouriños sobre a zona afectada e cubrila cun calcetín ou cunha luva. Manter a zona cuberta toda a noite. Á mañá seguinte lavar a zona con auga morna e xabón e aplicar un aceite ou crema hidratante.


Para os máis escrupulosos, tomade nota da seguinte receita…

Receita con pementa negra

A pementa negra ten propiedades antiinflamatorias e antibacterianas que resultan ideais para tratar a inflamación, o prurito, e a dor causada por frieiras.

Ingredientes

Media ou unha culleriña de té de grans de pementa negra

1 cullerada sopeira de aceite de sésamo ou mostaza

Elaboración e aplicación

Moer cun muíño eléctrico ou machucar cun morteiro os grans de pementa. Entrementres, poñer a quentar unha cullerada sopeira do aceite escollido. Agregar a pementa no aceite e freir uns segundos. Coar e deixar entibiar. 

Aplicar sobre as zoas afectada masaxeando para favorecer a circulación sanguínea e repetir dúas veces ó día. 

Este remedio só se pode facer se a pel non está morada ou resgada, xa que pode causar máis dor e inflamación.


Receita con caléndula

Unha das propiedades desta flor é a eficacia antiinflamatoria e cicatrizante polo que resulta moi beneficiosa para reducir a inflamación, a dor e ardor e acelerar o proceso de curación das frieiras. 

Hai quen utiliza algunha pomada ou aceite con base de caléndula pero aquí vos presento unha maneira sinxela de traballar con ela na casa.

Ingredientes

2 cuncas de auga

1 puñado de flores de caléndula

Elaboración e aplicación

Poñer a ferver nunha pota, a auga cas flores de caléndula, deixar que ferva a lume lento durante 15 a 20 minutos. Apagar o lume e deixar arrefriar. 

Cando esté morno, agregar un pouco de sal mariña e mesturar ben. 

Empapar as zonas afectadas mollándoas ben coa auga obtida e deixar actuar durante media hora. 

Aplicar dúas veces ó día.