Iniciativa Lexislativa Popular

de loita contra o Cambio Climático a nivel autonómico

para a mellora do bosque autóctono

e a recuperacion do medio rural sostible

  Exposición de motivos

1

A loita contra o cambio climático é unha necesidade urxente recoñecida na Convención-Marco das Nacións Unidas no seu protocolo de Kioto, e máis no acordo de París.

As medidas para loitar contra o cambio climático son unha prioridade da UE. Os/as dirixentes da UE comprometéronse a transformar Europa nunha economía hipocarbónica e de alta eficiencia enerxética.

O cambio climático é un problema global, pero para combatelo tense que actuar a escala local, tal como recoñecen dende a propia FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias).

O cambio climático terá importantes consecuencias sobre a saúde tanto ambiental coma das persoas e constitúe, segundo a OMS, unha ameaza emerxente contra a saúde das persoas.

O informe máis recente do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre Cambio Climático confirma que existen probas abrumadoras de cómo lles está afectando aos seres humanos: defuncións, enfermidades, desastres naturais, secas, inundacións ... É previsible que estes efectos aumenten no futuro.

As zonas costeiras serán as máis afectadas, e cómprenos non esquecer que o 70% da poboación galega vive na costa, no eixo A Guarda-Vigo-A Coruña–Ferrol–Ribadeo.

Os ecosistemas, entendidos como a combinación dos compoñentes físicos e biolóxicos dunha contorna, forman conxuntos complexos que actúan como unha unidade. O seu mantemento é indispensable para a saúde das persoas. Na súa base atópase a Biodiversidade e inclúe entre outros, a dispoñibilidade de auga, a produción de alimentos, o control das pragas, etc., elementos todos eles necesarios para preservar a nosa saúde e benestar.

A intervención humana está alterando gravemente os ecosistemas, destruíndo a biodiversidade e contaminando o medio natural (a través, por exemplo, da manipulación dos alimentos, das augas, dos resíduos farmacéuticos, dos vertedoiros, do aire, etc.). A UNESCO calcula que máis de 1.000.000 de especies están actualmente en perigo de extinción.

Na avaliación de Ecosistemas do Milenio (EM) das Nacións Unidas establécense as seguintes conclusións:

•    só nos últimos 50 anos a acción humana orixinou unha perda de biodiversidade, con carácter irreversible, superior á producida en toda a historia da Humanidade;

•    os cambios realizados xeraron grandes ganancias e desenvolvemento económico, pero a expensas da degradación dos ecosistemas e á acentuación da pobreza de moitas persoas, poñendo en risco os beneficios das xeracións vindeiras;

•    segundo a EM é urxente reverter a degradación dos ecosistemas e, ao mesmo tempo, satisfacer a crecente demanda dos seus servizos;

•    a actividade  humana está exercendo tanta presión sobre as funcións naturais da Terra que xa non se pode afirmar que ésta terá capacidade para sustentar as xeracións vindeiras.

 

Neste momento aínda estamos a tempo de tomar medidas para reverter esta degradación, pero para iso precísanse políticas e prácticas que non se están implementando na actualidade.

A intervención pública é fundamental para manter e incrementar a biodiversidade a través da mellora dos espazos naturais, para darlle nova vitalidade a estas zonas e facelas atractivas para novos/-as residentes que queiran realizar a súa actividade no rural.

É urxente a recuperación dun medio rural sostible e sustentable que axude a manter a poboación na súa contorna, evitando o seu abandono coa emigración ás cidades, situación ultimamente denunciada por toda a clase política e coñecida como “a España baleirada”. Para conseguilo é necesario incentivar a actividade económica, o que pasa polo mantemento de servizos e comunicacións. Doutro xeito, estamos condenando o noso rural ao total abandono e deixandoo á mercé de especuladores.

Por todo o anterior, cómpre unha intervención pública para implementar unha ferramenta legal eficaz que facilite a vida no rural, dinamizando as pequenas vilas e permitindo mellorar a calidade de vida dos/-as seus/súas habitantes facendoas atractivas tanto para actividades produtivas, incluído o teletraballo coma para unha mellora na calidde de vida, o que resulta nunha opción interesane para atraer a xente nova.

A intervención pública é fundamental e debe facerse de maneira responsable, cunha visión global da gravidade do problema, ao servizo do pobo, consolidando e mellorando estruturas e infraestruturas a base de incentivos para emprendedores e cunha clara decisión de loita contra o cambio climático, mantendo a biodiversidade paisaxística de Galicia.

Esta Lei nace asumindo a responsabilidade que, como Autonomía, temos que achegar na loita contra o cambio climático, en defensa do ben común e non supeditando este aos intereses dunhas poucas empresas.

Esta Lei centra a loita contra o cambio climático en dous aspectos interrelacionados a fin de conseguir un medio rural estable e cunha poboación suficiente para facelo produtivo, creando postos de traballo verdes que manteñan a biodiversidade, prestando atención ás persoas maiores para que poidan seguir vivindo nos seus  pobos, e impedindo a degradación do medio tal como está a ocorrer na actualidade por mor da excesiva eucaliptización (a superficie adicada a este monocultivo xa supera as 500.000 hectáreas, máis do dobre previsto no Plan Forestal de 1992, ocupando preto do 18% da totalidade do noso territorio) e da carencia de servizos básicos.

Dende o punto de vista xurídico, esta Lei encaixa plenamente na normativa europea que, na súa estratexia a longo prazo, avoga por unha Europa climaticamente neutra de aquí a 2050. Esta visión estratéxica a longo prazo por unha economía próspera, moderna, competitiva e neutra dende o punto de vista do clima de aquí a 2050, foi adoptada pola Comisión o 28 de Novembro de 2018, antes do Cumio das Nacións Unidas sobre o Clima (COP24) celebrado do 2 ao 14 de Decembro en  Katowice (Polonia).

Dita estratexia mostra como Europa pode liderar o camiño cara á neutralidade climática mediante o investimento en solucións tecnolóxicas realistas, a capacitación dos/-as cidadans/-ás e a harmonización da acción en ámbitos clave como a política industrial, o financiamento ou a investigación, garantindo ao mesmo tempo a xustiza social para unha transición xusta.

A raíz dos convites formulados polo Parlamento Europeo e o Consello Europeo, a visión da Comisión para un futuro climaticamente neutro abrangue practicamente tódalas políticas da UE e está en consonancia co obxectivo do Acordo de París a prol de manter o aumento da temperatura global moi por baixo dos 2°C e de continuar os esforzos para o manter en 1,5°C.

O conxunto de medidas climáticas e enerxéticas da UE establece tres obxectivos destacados para o 2020:

1.   Unha redución do 20% das emisión de gases de efecto invernadoiro.

2.   Un incremento de ata un 20% na produción de enerxías renovables.

3.   Un aumento do 20% na eficiencia enerxética.

Son os denominados “obxectivos 20-20-20”.

Por último, é imprescindible que a Lei se tramite con absoluta transparencia e escoitando as asociación veciñais e os movementos ecoloxistas.

Un dos principais retos do Goberno galego é desenvolver unha política económica que promova un desenvolvemento harmonioso, equilibrado e sostible, no que a proteción do medio é un piar imprescindible.

A política ambiental en Galicia tería que ser desenvolvida pola Consellería de Medio, Territorio e Vivenda,  que ten que promover un alto nivel de proteción e mellora da calidade do medio ambiente galego (xestión integral da auga, prevención e xestión dos residuos, conservación da natureza e a biodiversidade, prevención e control integrado da contaminación, loita contra o cambio climático, mellora da calidade do aire, rehabilitación de solos contaminados, prevención de riscos ambientais, impulso da innovación tecnolóxica ambiental, mellora das políticas de educación e sensibilización ambiental, etc.) e ademais integrar os aspectos ambientais nas diferentes políticas sectoriais para a progresiva consecución do Desenvolvemento Sostible.

 

 2

 

A eucaliptización crecente de Galicia pon en perigo a nosa  biodivesidade coa creación de monocultivos desta especie invasora, que teñen como obxectivo subministrar materia prima a unha única empresa  en detrimento das economías familiares. Esta situación supón xa de por si un grave perigo para o futuro do país, e aínda se ve agravada por tratarse o eucalipto dunha especie pirófita que esquilma os acuíferos, reduce drasticamente a biodiversidade (por exemplo, nos eucaliptais non hai niños de paxaros) e orixina grandes aterrazamentos do terreo e unha forte degradación do mesmo.

Os monocultivos orixinan unha progresiva desertificación e homoxenizan o ecosistema, que vai tornando máis pobre e con menor resiliencia.

As plantacións masivas de eucaliptos teñen unha incidencia directa no quecemento da paisaxe. Pola contra, as especies frondosas suavízana e axudan a manter a humidade ao tempo que serven de agocho a multitude de insectos beneficiosos. É indubidable que o eucalipto empobrece drasticamente a flora e a fauna locais, dada a súa agresividade, a escasa luz no sotobosque e o consumo excesivo de auga, ademais dos efectos alelopáticos que destrúen gran cantidade de flora.

O abandono do rural, cunha poboación moi avellentada, subxace na baixa produtividade do rural galego que camiña case con exclusividade cara ao monocultivo forestal (eucaliptos e piñeiros) e a unha cabana gandeira moi cuestionada mesmo dende a propia OMS, que recomenda reducir o consumo de carne. Este panorama resulta moi pouco atractivo e ofrece poucas posibilidades de emprego para a xente nova.

Esta falta de oportunidades de traballo, unida á carencia de servizos fundamentais como sanidade, educación e comunicacións, dificulta aínda máis o achegamento de xoves emprendedores ao medio rural e favorece o despoboamento deixando vía libre á especulación.

Proba delo é que no medio rural, que ocupa as 4/5 partes do territorio galego, tan só vive o 25% da poboación, mentres que no ano 1950 esa porcentaxe era do 80%. Dese 25%, tan só un 15% adícase a actividades agrícolas. Con máis de 1,6 millóns de propietarios de fincas rústicas, a oportunidade dun emprendemento sostible é moi real.

Temos que promover un modelo de desenvolvemento rural, sostible, inclusivo e innovador para mellorar a vida dos cidadáns rurais, invertindo e impulsando melloras medioambientais, económicas e sociais, promovendo experiencias de economía circular para poñelo en valor, coa tecnoloxía necesaria, a educación e a saúde.

Á vista de todo o anterior úrxenos, como sociedade, tomarmos conciencia e, consecuentemente, medidas para evitar esta degradación do medio que incide directamente sobre o cambio climático e sobre o futuro dos/-as nosos/-as descendentes, e do Planeta en xeral, para o que propoñemos as seguintes medidas mínimas.

 

A presente Lei fundaméntase nos seguintes principios:

1º.- A necesidade urxente de tomar medidas que contribúan a frear o cambio climático, mantendo a biodiversidade.

2º.- A necesidade de potenciar a soberanía alimentaria, xunto coa reactivación das economías familiares, recuperando e incrementando a produtividade do rural galego, como paso para reducir a contaminación e crear novos postos de traballo verdes.

3º.- A necesidade de achegar aos/ás habitantes do rural as prestacións básicas ás que teñen dereito, co obxectivo de evitar o despoboamento.

4º.- A revalorización da vida rural, a mellora e a creación de emprego rural, o uso da tecnoloxía e a educación de entornos rurais, entre outros.

 

 

    

 CAPÍTULO I

Disposicións xerais

  

Artigo 1.- Obxecto e finalidade

1.   Esta Lei ten por obxecto regular as principais actividades no rural galego a fin de manter e mellorar a súa biodiversidade para facelo máis sostible e sustentable.

2.   Recuperar a productividade do rural galego, outrora coñecido pola súa alta calidade e diversificación.

3.  Impedir a expoliación dos nosos recursos por parte de intereses espurios que hipotecan o noso futuro.

 4.Implicar a cidadanía nas decisións que afecten ao colectivo, revalorizar a vida rural, mellorar a creación de emprego rural, o uso da tecnoloxía e a educación nos entornos rurais.

5.   Favorecer a creación de postos de traballo verdes, ilusionantes, para a nosa xuventude.

6.   Favorecer a economía circular como elemento necesario para optimizar a utilización dos recursos e reducir os residuos.

 

Artigo 2.- Dereitos e deberes

 1.   A precariedade laboral e a falta de traballo obriga a nosa xente nova a emigrar, cando o seu dereito é vivir dignamente do seu traballo e no seu país.

 2.   A saúde do medio natural é un dereito no que se basea a saúde das persoas ao evitarse a contaminación global: aire, medio rural, ríos, acuíferos e mar.

 3.   O dereito a unha alimentación saudable como base para unha vida sá reducindo a necesidade de asistencia sanitaria.

 4. É un deber da Comunidade no seu conxunto a conservación do medio natural evitando a súa degradación, tanto por sobreexplotación como por abandono ou mala utilización.

 

  

CAPÍTULO II

Sobre a eucaliptización

Non se trata de prohibir, senón de regulamentar, a plantación de especies pirófitas, nomeadamente do eucalipto. O procesamento desta especie é tan agresivo que está demostrado que unha única fábrica consome ao día unha cantidade de auga excesiva e emite gases nocivos tanto para as persoas coma para o medio.

Non hai nada vivo ou natural nas plantacións de monocultivos de eucalipto, e as especies de animais desaparecen por falta de alimento neses lugares.

A casca do eucalipto despréndese en tiras longas e secas que, xunto ás follas altamente inflamables, fican acumuladas sobre o chan do bosque constituíndo un combustible idóneo para o desenvolvemento de grandes lumes.

O eucalipto está considerado como especie invasora. É un gran consumidor de auga especialmente os exemplares novos, que extenden as súas raíces en profundidade e absorben as aguas subterráneas o que esgota a subministración de auga e agrava o risco de lume en zonas xa propensas aos incendios forestais.

 

Artigo 3.- Sobre a publicidade institucional

1. Prohíbese toda a publicidade, directa ou indirecta, relacionada co eucalipto e outras especies pirófitas nos medios de comunicación públicos ou subvencionados. Paralelamente, cómpre suprimir calquera axuda pública para a plantación destas especies.

 

Artigo 4.- Investigación institucional

1. Por parte da Administración iniciaranse investigacións sobre os efectos producidos polos eucaliptais no quecemento do territorio, a biodiversidade e os acuíferos. Mentres non se obteñan resultados que demostren claramente que non hai prexuizo para a biodiversidade e os acuíferos, quedará cancelada a plantación de novos eucaliptais. Estes estudos realizaranse en colaboración coa Universidade pública e os seus resultados serán sometidos a debate público co seu correspondente período de alegacións, dun mínimo de 3 meses.

 

Artigo 5.- Sobre as plantacións de eucaliptos e outras especies pirófitas

Nas plantacións de eucaliptos deberá seguirse unha serie de normas de obrigado cumprimento, tanto para protexer a vida das persoas e as súas  propiedades coma a do medio no que habitan:

1.     As plantacións non poderán estar, baixo ningún concepto, a menos de 100 metros de calquera construción ou vivenda, a fin de minimizar os riscos sobre asentamentos humanos en caso de incendios.

2.     As plantacións non poderán estar, baixo ningún concepto, a menos de 20 metros de calquera liña de alta, media ou baixa tensión, así coma de liñas de comunicación, sexa por cable ou por fibra. Respectarase tamén unha distancia de 20 metros a cada lado das vías de comunicación, a fin de mantelas libres en calquera condición.

3.     O marco de plantación mínimo será tal que permita a limpeza con maquinaria pesada, estimándose este mínimo en 4 x 4 metros.

4.     No caso de incendios, eliminarase obrigatoriamente a rexeneración natural do eucalipto xa que, como especie pirófita favorecida polo lume, orixinaría altas densidades de árbores dificultando, ou impedindo, a limpeza do monte cunha perigosa acumulación de carga de combustible. No caso de producirse esta rexeneración, o/-a propietario/-a terá obriga de tallar os abrollos a fin de axustarse ao marco de 4 x 4 metros.

 

Queda totalmente prohibido realizar plantacións en terras que anteriormente foron de cultivo de forraxe, labradío, pastos e hortas, así como solo urbano  ou núcleos rurais, priorizando sempre os espazos adicados a terras agrarias ou agrogandeiras, así coma os espazos naturais.

1. As plantacións de especies pirófitas, especialmente as de eucaliptos, dada a súa velocidade de crecemento e a altura acadada, nunca poderán ter unha lonxitude superior aos 500 metros, debendo deixar zonas intermedias de 100 metros como mínimo.

2. Por cada Ha de plantación de eucalipto, deberá plantarse, como mínimo, ¼ de Ha de especies frondosas autóctonas.

3. A Administración non incentivará a plantación de especies pirófitas con ningún tipo de axuda directa ou indirecta, tanto económica coma publicitaria, a través dos medios de comunicación públicos.

4. Os terreos queimados onde existise previamente unha plantación forestal, non poderán ser recalificados.

5. As ulteriores evolucións da calificación de ditos terreos rexeranse pola normativa urbanística vixente e segundo as premisas contempladas nos instrumentos de ordenación dos territorios establecidos e autorizados polas administracións públicas intervintes no proceso.

 6. Para a plantación de especies pirófitas será necesaria a pertinente autorización na que conste ben claro e por escrito que se cumpren os puntos anteriores, e asumindo a responsabilidade que corresponda en caso do seu incumprimiento. As solicitudes para plantacións de especies pirófitas deberán facerse parcela a parcela.

7. A Administración prohibirá a plantación de Eucalyptus nitens establecendo unha moratoria de un ano para a súa erradicación por parte dos/-as propietarios/-as. Se así non o fan,  asumirán a tarefa as brigadas municipais con cargo ao/á propietario/-a da parcela, que deberá correr con tódolos gastos. De non facelo nun plazo de seis meses, procederase á correspondente expropiación.

8. Queda prohibida a plantación de calquera especie de Eucalyptus en espazos da Rede Galega de Espazos Protexidos (ver Lei 9/2001 de Conservación da Natureza). De existir alguna plantación nestes espazos, deberá ser eliminada nun tempo máximo de seis meses.

 9. As plantacións que incumpran calquera dos aspectos deste Artigo 5.-, deberán ser eliminadas urxentemente por parte dos/-as seus/súas propietarios/-as ou pola Administración con carácter subsidiario.

10. Para minimizar o risco de incendio nas operación de talla ou poda das especies pirófitas, tódolos restos deberán ser retirados do monte por parte do/-a propietario/-a e, en caso de que non o faga nun prazo de 10 días, esta tarefa será realizada pola Administración con carácter subsidiario.

11. A Administración, a fin de manter o bosque vivo e diverso e de crear postos de traballo, implementará axudas económicas para a plantación de frondosas (fundamentalmente carballos, castiñeiros, cerdeiras e froiteiras en xeral) así coma de froitos silvestres que incentiven a rendibilidade do rural. Crearase tamén unha liña de incentivos económicos para gandería extensiva. Esta nova orientación favorecerá a biodivesidade e reducirá a posibilidade de lumes forestais, a máis de ter como efecto engadido a creación de numerosos postos de traballo verdes, tanto directos coma en forma de empresas de transformación.

12. Establecemento e constitución dunha Inspección Ambiental específica, con competencias e presuposto suficientes, así coma un réxime sancionador apropiado para seren garantes do cumprimento da presente norma.

 

  

CAPÍTULO III

Sobre o abandono rural

 

Para evitar o abandono do rural e facilitar o acceso de novas persoas en procura dunha maior calidade de vida, cómpre que a Administración garanta: transporte público axeitado, centros de saúde, centros de ensino e comunicación rápida por internet.

 

Artigo 6.- Creación dunha base de datos sobre a situación do rural

1. Coa finalidade de facilitar o acceso de novas persoas ao rural crearase un banco de datos público de terras e vivendas para poñelas en coñecemento e orientar aos/ás novos/-as poboadores que desexen instalarse no rural.

2. Aquelas vivendas ou terras que leven un mínimo de dous anos en situación de abandono, e cuxos/-as propietarios/-as non as queiran alugar ou vender, pagarán un imposto anual equivalente a un 2% (dous por cento) do seu valor catastral, destinándose dito importe a proxectos de educación ambiental na comunidade e a configurar un fondo público que nutra as axudas incentivadoras do emprendemento e da vida saúdable no rural.

3.  Reforzamento, impulso e mellora do Banco de Terras e a súa posta a disposición dos/-as emprendedores no rural.

  

Artigo 7.- Incentivos para o establecemento de prácticas agrícolas ecolóxicas

1. Serán declaradas de interese social e medioambiental as prácticas agrícolas e gandeiras ecolóxicas, polos seus beneficios para a saúde tanto das persoas coma da súa contorna.

2. Establecerase un contacto de colaboración coa Universidade galega para a elaboración dun mapa de cultivos idóneos en cada comarca de Galicia para mellorar a productividade e a diversidade da produción.

3. Crearase un banco de sementes tradicionais, vivo, onde as sementes sexan actualizadas e melloradas a través da selección natural en cada unha das comarcas, para dar soporte aos/ás agricultores/-as.

4. Introduciranse alimentos ecolóxicos de produción local e galega en hospitais, colexios, residencias da terceira idade e outras dependencias da Administración pública galega.

5. A Xunta creará centros de ensino de agricultura e gandería ecolóxicas  a nivel de FP, para a formación de xente nova que traballe no medio rural. Tamén convocará obradoiros de emprego con esa mesma finalidade. Tanto no primeiro caso coma no segundo, os/-as profesionaís que impartan o ensino deberán ter unha experiencia demostrada nesas disciplinas.

6. Crearase un laboratorio de referencia para analizar a produción ecolóxica, tanto en termos cuantitativos coma cualitativos.

7. Potenciarase a agricultura ecolóxica e o consumo de tempada e de proximidade, que permita crear postos de traballo no rural reducindo a contaminación por axentes químicos (pesticidas, insecticidas, agroquímicos …), evitando a contaminación dos acuíferos e creando riqueza local. Esta práctica deberá ser apoiada tanto a través de axudas públicas coma a través da súa difusión en medios de comunicación públicos ou que reciban axudas institucionais.

 

Artigo 8.- Control da contaminación medio ambiental

1.  Prohibirase a utilización de puríns de granxas intensivas de calquera especie animal para o fertilizado da terra.

2. Establécese un prazo de 3 anos para que as empresas agrícolas e gandeiras intensivas presenten individualmente un plan de tratamento de residuos que sexa respectuoso co medio ambiente.

3. Establecerase unha rede de control e seguemento da contaminación atmosférica para loitar contra a choiva aceda, as emisión de carbonilla e outros contaminantes que afecten a saúde das persoas e do medio ambiente. Os resultados destes controis faranse públicos, sendo responsabilidade da Xunta de Galicia a súa neutralización.

4. Establecemento dun plan de inspección ambiental ambicioso, con asignación de recursos económicos e desenvolvemento dun réxime sancionador máis rigoroso.

5.  Introdución e asunción dos obxectivos europeos nas planificacións e estratexias galegas, paralizando ou suspendendo todas aquelas obras ou iniciativas das AAPP, industrias ou particulares que incumpran os mencionados datos, para a súa reorientación e alineación cos obxectivos de desenvolvemento sostible.

  

Artigo 9.- Medidas complementarias para a potenciación da agricultura ecolóxica

1. Potenciarase a apicultura ecolóxica como actividade imprescindible para a polinización dos cultivos e a rexeneración de espazos desertizados, mesmo por efecto dos incendios forestais.

2. Crearase un laboratorio apícola de análise cuantitativa e cualitativa.

3. Apoiarase a investigación sobre a agrohomeopatía como substituto da contaminante agroquímica, tan prexudicial para a saúde das persoas, dos acuíferos e do medio en xeral.

4. Crearanse e potenciaranse os mercados e prazas para a venda local de produtos ecolóxicos de produción galega. Prohibirase a utilización do termo “ecolóxico” para aqueles produtos nos que se observen incongruencias e incoherencias medioambientais que afecten os criterios básicos que garanten a visión sostible do entorno.

5. Introdución de prácticas respectuosas coa ética na chamada “publicidade verde”, e supeditación da súa utilización á autorización autonómica.

 

Artigo 10.- Transporte nas zonas rurais

A Administración deberá garantir transporte de ida e volta, polo menos 2 días á semana, para que a poboación, especialmente a de máis idade, poida acudir a resolver os seus problemas no médico, cobrar as pensións no banco, resolver asuntos nas institucións locais, etc., etc.

 

Artigo 11.- Asistencia sanitaria

Como complemento da asistencia ambulatoria, crearase unha rede de asistencia a distancia vía telefónica, ademais de visitas de persoal médico con certa periodicidade.

  

Artigo 12. Asistencia ás persoas de idade avanzada

Para a xente de idade avanzada, especialmente a que naceu no medio rural, supon un auténtico trauma deixar o seu fogar para ir a unha residencia. A fin de que se poidan manter nos seus fogares, hai que lles facilitar:

•    boas comunicacións para que poidan estar en contacto permanente cos seus familiares, tanto vía telefónica como por internet;

•    garderías ou visitas domiciliarias, para que poidan recibir asistencia por parte de persoal especializado.

 

 Artigo 13.- Centros de ensino e garderías infantís

A fin de permitir unha mellor conciliación familiar co traballo, cómpre que se lles facilite ás familias a atención ás nenas e nenos, para o que se crearán lugares de acollida onde poidan pasar o día ben atendidos en ausencia dos seus familiares. Os horarios configuraranse de tal xeito que permitan que as nais e pais poidan acudir aos seus traballos.

 

Artigo 14.- Comunicacións

Nun mundo globalizado e tecnolóxico non podemos deixar marxinada a xente do rural, polo que a Administración fará as xestións necesarias para garantir unha boa cobertura tanto de telefonía móbil como de internet, con dous obxectivos:

1. Romper o illamento, especialmente da xente maior, para que non teñan que abandonar os seus fogares e permitíndolles  seguir en contacto cos seus familiares.

2. Promover o teletraballo, para que aquelas persoas que poidan utilizalo teñan mellores posibilidades de conciliación.

 

 

Disposición adicional nº 1

Quedan derogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta Lei.

 

Disposición adicional nº 2

Diante dos problemas do cambio climático, os poderes públicos promoverán programas de formación e concienciación social, comezando no colexio, para sensibilizar os/as escolares sobre a necesidade de reflexionar acerca dos seus hábitos de consumo, estimulalos/-as a que rechacen produtos tóxicos, a que reduzan o consumo, a que reutilicen e reciclen as materias primas, a que redistribúan mellor e a que reclamen perante a lei contra os infractores.

 

Disposición final

1.  Ínstase á Xunta de Galicia a ditar cantas disposicións sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e mellor aplicación desta Lei.

2.  A presente Lei entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Concederase un prazo de un ano para corrixir os erros do pasado sen que isto exima das responsabilidades a que houbera lugar en caso de incendios.