AUTOSUFICIENCIA

No libro "O Horticultor Autosuficiente", JOHN SEYMOUR, un dos clásicos da autosuficiencia definía esta como:

"O progreso cara a unha nova e mellor calidade de vida, cara a unha vida máis grata que o ciclo superespecializado do mundo laboral da nosa sociedade, cara a unha vida que devolve ao traballo o aliciente e a iniciativa diaria, que trae consigo variedade, grandes éxitos nalgunhas ocasións e enormes fracasos noutras. Significa a aceptación dunha responsabilidade plena polo que se fai ou o que se deixa de facer e unha das súas maiores compensacións é a alegría que nace de ver o desenvolvemento completo de cada tarefa, dende sementar o propio trigo ata comer o propio pan; dende plantar un campo de forraxe ata cortar unha rebanda de touciño. 

O autoabastecemento é púgna por conseguir unha calidade de vida máis elevada, alimentos frescos, bos e organicamente elaborados, unha vida grata nun ambiente agradable, a saúde corporal e a paz mental que nacen dun traballo duro e variado ao aire libre, e a satisfacción que provén da realización correcta e eficiente de tarefas difíciles e complicadas. Cada dia é un novo reto".

 


 Dicía Edmurd Burke que

"Ninguén comete un erro maior que aquel que non fai nada, porque só pode facer un pouco".

 


 MIDE A TÚA PEGADA ECOLÓXICA

A pegada ecolóxica é un indicador biofísico de sostibilidade que integra o conxunto de impactos que exerce certa comunidade humana (país, rexión ou cidade) sobre o seu ámbito, considerando tanto os recursos necesarios coma os residuos xerados para o mantemento do modelo de consumo da comunidade. 

Este indicador, desenvolvido a principios da década dos 90 por William Rees e Mathis Wackernagel, introduce unha novidade metodolóxica de grande importancia: a transformación dos consumos en territorio produtivo. Desta forma, a pegada ecolóxica (consumos) pode compararse coa capacidade de carga ou biocapacidade (territorio produtivo dispoñible) avaliando o balance ecolóxico resultante (déficit ou superávit). 

A Comisión Europea, a través do Comité Económico e Social Europeo recoñece á pegada ecolóxica como o mellor indicador integrado dispoñible sobre sostibilidade ambiental, xa que permite analizar e comparar, de forma efectiva, os patróns de consumo e produción de distintas comunidades en termos de sostibilidade, ademais de constituír unha valiosa ferramenta de comunicación. 

A pegada ecolóxica exprésase como o total de superficie ecoloxicamente produtiva necesaria para producir os recursos consumidos por un cidadán medio dunha determinada comunidade humana, así como a necesaria para absorber os residuos que xera, independentemente da localización destas superficies. O resultado obtido no cálculo destas áreas compárase coas superficies reais de cada tipoloxía de terreo produtivo dispoñibles no ámbito físico da comunidade humana estudada, o que se coñece como biocapacidad. A diferenza entre os valores da pegada ecolóxica e a biocapacidad (expresados en hectáreas por habitante) permite coñecer o nivel de débeda ou de reserva ecolóxica que presenta esta comunidade. 

Un déficit ecolóxico (pegada ecolóxica > biocapacidade do territorio) indica que poboación desta comunidade humana está a consumir máis recursos dos que dispón, polo que, ou ben estase a apropiar de superficies fóra do seu territorio, ou ben está a degradar o seu capital natural de forma irreversible, comprometendo a súa calidade e dispoñibilidade para as xeracións futuras. 

Un superávit ecolóxico (pegada ecolóxica < biocapacidade do territorio) indica que comunidade é autosuficiente e que o seu territorio dispón de excedente ecolóxico. 

Polo tanto, no marco dunha estratexia global de sostibilidade ambiental, o obxectivo final dunha comunidade debe ser que a súa pegada ecolóxica non supere a biocapacidade, de forma que exista un equilibrio entre o nivel de consumo de recursos e a capacidade de xeración do territorio asociado.

O carácter sintético e integrador deste indicador fai que sexa doadamente entendible, e ten un elevado valor como elemento de sensibilización ambiental e de reflexión sobre os límites que o medio impón á actividade humana ou o papel do comercio na distribución global dos recursos e as presións ambientais. 

Estas vantaxes, xunto coa posibilidade de comparar de forma sinxela os resultados entre diferentes territorios ou momentos do tempo, fixeron que a pegada ecolóxica fose amplamente utilizada como indicador de sostibilidade ambiental.

O autor/a é o/a único/a responsable dos contidos dos artigos da súa sección